Xosé Pacheco

XOSÉ PACHECO (1784 –1865)    

Xosé Pacheco nace en Mondoñedo un 15 de decembro de 1784, fillo de José Antonio Fernández Basanta e Antonia Rubinos Montenegro. Á prematura morte de seus pais fica ao coidado de súa avoa Agustina Fernández Pacheco.

A súa entrada na catedral de Mondoñedo como “Neno de coro” data do 6 de febreiro de 1795, cando o Mestre de Capela presenta ao Cabido a tres meniños aspirantes, entre os que é seleccionado Xosé Pacheco. Despois duns meses no desempeño de súa función de cantante infantil a morte de súa avoa déixao en total desamparo, de maneira que en decembro de 1796 o Cabido lembra acceder á demanda de auxilio atribuíndolle tres reais diarios e encargando ao Mestre de Capela a educación e asistencia do meniño Pacheco.

Foi Ángel Custodio Santabaya o mestre de capela encargado desta educación, e puido comprobar as boas disposicións para a música do mozo Pacheco. Á morte de Santabaya, ocorrida o 15 de decembro de 1804, ante a inminencia das celebracións de natal Pacheco ofrece seus servizos ao cabido: “Que en vista da vacante do maxisterio de capela e de traballar por si mesmo os villancicos, pide se lle conceda facultade para os dirixir facendo veces de mestre de Capela; e así mesmo a de vestir sobrepelliz” O Cabido aceptou a petición para ese acto soamente.

En tanto permanece vacante a praza de mestre de capela a Pacheco sonlle atribuídos 10 reais diarios para que vaia a Santiago, ou onde mellor estime, a terminar súa formación musical. Decide ir a Santiago, cuxa capela musical gozaba de boa fama, e ponse baixo as ensinanzas de  Melchor López Jiménez, quen axiña cóbralle afecto. No Natal de 1805 é chamado de volta a Mondoñedo para dirixir os novos vilancicos de Natal, e en xaneiro de 1806 Pacheco solicita súa volta a Santiago para continuar súa formación. No entanto o Cabido resolve prover a vacante do maxisterio de capela o 5 de febreiro. Tan ben dotada estaba esta praza que foron 10 os concorrentes, entre eles os mestres de capela de Lugo, Solsona, Albarracín, León Zaragoza, Calatayud e outros lugares. O sistema era de concurso, onde a cada demandante ía provisto dunha carta de recomendación ponderando seus méritos. A carta de Pacheco era escrita por Melchor López e o Racionero Cos, de Santiago. O Cabido outorga a praza a Pacheco, pese ao enfrontamento de varios capitulares, un dos cales estabeleceu un preito contra a designación, que mantivo até súa morte. A elección foi feita o 5 de febreiro de 1806, e dous días despois incorpórase o músico ao posto.

Pacheco, á cabeza da Capela e música de Mondoñedo, cumpre con entusiasmo o seu deber e mantena o alto nivel en que a situara seu predecesor Santavaya. Poucas Catedrais posúen coleccións tan numerosas de composicións debidas a seus mestres como posúe a de Mondoñedo coas máis de 300 obras que deixou Pacheco no arquivo.

Pacheco estivo a residir por unha temporada na corte, en Madrid, e puido renovar aí seu estilo asistindo aos espectáculos teatrais e ás solemnidades en que participaba a Real Capela. Alí estabeleceu íntima relación con Carnicer, mestre director e concertador da ópera. Coñeceu a obra de Mozart, Haydn, Rossini, e abandonou o estilo de “espadín e perruca” que viña desenvolvendo.

Pacheco faleceu o 23 de marzo de 1865 despois de case 60 anos de servizo á Catedral de Mondoñedo.

Portada da obra de Varela Lenzano sobre o mestre Pacheco

As súas obras máis importantes son:

Miserere (1806)

Salmo Laudate Dominum (1815)

Salmo Dixit Dominus (sen data)

Te Deum (1823)

Invitatorio, Parce y Taedet (1832)

Responsorio Libera me (1855)

Villancicos de kalenda y al Nacimiento

Stabat mater

Motete Plorans (cántase nas procecións de Venres Santo)1

Portada do motete, manuscrito de José Ferro, conservado na Catedral de Lugo

1 Segundo Varela Lenzano escribía en 1897: As procesións son a de o Encontro e a de a Soidade, que se celebran pola mañá e pola noite, respectivamente. Na primeira cántase o motete na praza tras o sermón, e na segunda neste mesmo lugar e nas esquinas do Cristo dos Remedios e da rúa do Marqués de Rodil. Existe a tradición de que o tiple se coloque por debaixo das andas da Virxe, o que transmite unha nota moi patética ao piadoso acto.



Rua Pacheco (Mondoñedo) e Sociedade Coral Pacheco (1881)

 

PARTITURAS

sv177 Crudelis Herodes Xosé Pacheco 1784 1865